Co gallo da conmemoración, o 11 de febreiro de 2026, do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, a Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo ten o gusto de informar da apertura da mostra EDUCACIÓN EN FEMININO: UN PASEO POLA HISTORIA, configurada por 37 paneis de tamaño A2 que recollen o perfil biográfico e pedagóxico de medio centenar de mulleres de diferentes épocas, xeografías, especializacións e tendencias pedagóxicas que, malia os atrancos padecidos pola súa condición feminina, conseguiron realizar un desempeño profesional na práctica, meritorio e referencial, das Ciencias da Educación.
A exposición, que xa vai pola súa novena edición, representa o produto final do traballo do alumnado da materia “Teoría e Historia da Educación Escolar” (1º curso e 1º semestre do Grao en Mestra/Mestre de Educación Primaria e do Dobre Grao Mestra/Mestre de Infantil+Primaria), leccionada polo profesor Francisco X. Candia, membro do grupo de investigación SEPA-interea da USC. A iniciativa forma parte dun proxecto de aprendizaxe-servizo recoñecido no catálogo de proxectos ApS da USC para o curso 2025-26.
Coa mostra preténdese visibilizar e poñer en valor o labor que todas as mulleres educadoras viñeron realizando ao longo do tempo, desde a Antiga Grecia ata a Galiza moderna, un esforzo individual e colectivo non sempre ben recoñecido, e mesmo ás veces silenciado, pero que deixou como remol un meritorio legado que posibilitou a progresiva consolidación dos alicerces da acción educacional, ata chegarmos aos nosos días.
Así, entre o elenco de protagonistas na exposición figuran referentes galegas como María Barbeito, Elvira Bao, Ángela Ruiz, as Mestras da Montaña Lucense ou a fundadora en Lugo da primeira escola na natureza de Galiza, Bibiana Marful; españolas como Rosa Sensat, Justa Freire, Margot Moles, Josefina Aldecoa, Maria Antònia Canals ou a actualmente promotora dos “patios e parques dinámicos” Gey Lagar; educadoras da Antigüidade como Safo de Lesbos ou Aspasia de Mileto; europeas como Selma Lagerlöf, Nadezhda Krúpskaya, Élise Freinet ou Emmi Pikler; norteamericanas como Anne Sullivan, Helen Keller ou Mary Gordon; a pakistaní Malala Yousafzai, a palestiniana Hanan Al Hroub, ou as afgás Shabana Basij-Rasikh e Pashtana Durrani; ou as keniatas Wangari Maathai e Kakenya Ntaiya.
Mais, á par de educadoras habitualmente presentes nesta colección (as xa citadas), na presente edición tamén se amosan outras figuras polo momento menos coñecidas, pero que merece a pena poñer tamén en valor, como as educadoras infantís galegas Ángeles e Isabel Abelleira, a catalá tan querida en Parada de Sil Rosa Pons, a mestra antiautoritaria aragonesa Antonia Maymón, a pedagoga vasca Nélida Zaitegi, a renovadora alemá-ecuatoriana Rebeca Wild, a olímpica estadounidense Wilma Rudolph, a educadora antroposófica Beatrice Ensor, ou a propia Clara Campoamor, quen tamén ofrece un pequeno perfil docente.
A exposición recupera pois para a actualidade a pegada vital e o labor pedagóxico destas e doutras educadoras na intención de deconstruír o androcentrismo sobre o que pivotou historicamente o coñecemento académico, facendo visibles figuras verdadeiramente relevantes que, a pesar dos prexuízos de xénero que indefectiblemente tiveron que soportar, xa forman parte merecidamente da Historia da Educación.
E é que, malia que a profesión educativa veu sendo un cometido tradicionalmente asignado ás mulleres de xeito estereotípico, o certo é que existe na sociedade un gran descoñecemento de referentes femininos neste eido, mesmo entre estudantes que en poucos anos serán as mestras e mestres das escolas galegas. Por iso, fronte a unha realidade social e educativa aínda influída especialmente por perfís masculinos, a exposición ofrece unha vistosa e suxestiva panoplia de figuras relevantes da pedagoxía feminina e/ou feminista e tenta dar resposta á necesidade de educar desde unha perspectiva de xénero e pola igualdade.
A mostra, de visita libre no horario habitual de apertura da Facultade, estará exposta ata o 23 de febreiro no vestíbulo secundario de entrada do centro (av. Ramón Ferreiro, s/n LUGO). O acto de inauguración será o vindeiro mércores 18 de febreiro, ás 12:00 horas, no propio espazo expositivo.
Esta colección de pósters préstase gratuitamente a calquera entidade, centro ou institución que a desexe expoñer nas súas instalacións.
Máis información en https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/mostra-formacion-profesorado-pon-labor-mulleres-educadoras-longo-tempo










