Ciencia escolar e-learning ONE HEALTH (e-InnoEduCO2)

Código de referencia: 2020-1-ES01-KA227-SCH-096314

Convocatoria: Programa Erasmus+

Entidade financeira: European Union Grant

Coordinador Principal: Concello de Outes

Socios colaboradores: XXVI Liceum Ogolnoksztalcace (Polonia), Universidade de Aveiro (Portugal), Agrupamento de Escolas de Aveiro (Portugal), Fundación Pública Gallega Centro Tecnológico de Supercomputación de Galicia (España), GI SEPA-interea (USC, España).

A pandemia da COVID-19 demostrou que a maioría dos sistemas educativos non estaban preparados para o mundo de oportunidades da aprendizaxe dixital, e que tamén é necesario e urxente fomentar unha cultura innovadora en toda a sociedade e a todos os niveis, comezando pola idade escolar. A educación STE(A)M (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas) permite que o alumnado desenvolva habilidades e competencias relacionadas coa innovación.

A pandemia é tamén unha chamada para renovar o compromiso cos ODS: garantir que todos os mozos e mozas gocen da oportunidade de triunfar na escola e desenvolver coñecementos, competencias, actitudes e valores que lles permitirán contribuír á sociedade no que se refire a recuperación ecolóxica. Persiste a necesidade de tomar medidas decisivas para abordar a crise do cambio climático. A ONU situou 2021-2030 como a Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible. Facer o alumnado escolar partícipe disto de maneira experiencial permite inicialos na súa actuación como axentes da transición ecolóxica.

No contexto destas necesidades xurdiu "e-InnoEduCO2: Ciencia escolar e- learning ONE HEALTH” que inclúe un consorcio formado por 1 administración local: Concello de Outes (E), 3 universidades: USC(E), UIasi (RO), UAveiro(PT), 2 escolas: AEA(PT) e Liceo XXVI(PL), e 1 centro de supercomputación: CESGA(E) orientado a reforzar a capacidade das institucións de educación e formación para proporcionar unha educación dixital inclusiva e de calidade a través de modelo pedagóxico e- learning STE(A) M-TIC que permita compensar o incremento nas carencias da UE en Educación Escolar adaptando a formación telemática da era COVID-19 ás necesidades curriculares de experimentación científica. Neste actual escenario COVID-19 e nun contexto de crecente complexidade, interdependencia e natureza sistémica do risco, é necesaria tamén unha coordinación multisectorial co fin de iniciar a preparación e aplicación de medidas para reconstruír a educación escolar e crear axentes do cambio dispostos a facer fronte aos desafíos mundiais con miras a combater a crise climática marcando Ecoloxía e as TIC como eixos transversais para a divulgación científica creativa.

Por tanto este proxecto aspira a compensar as barreiras, brechas e limitacións derivadas da crise COVID, identificadas no informe da OCDE The impact of COVID-19 on Education- Insights from Education at Glance 2020 (Andreas Schleicher) para impulsar un currículo escolar experiencial baseado na aprendizaxe dixital. A través do desenvolvemento e implementación de modelos e- lab e e-eco vinculados á realidade aumentada que posibilita a carga xeolocalizada de datos nos ecosistemas en campo e laboratorio en diferentes océanos europeos, preténdese reforzar a capacidade das institucións de educación escolar para proporcionar unha educación dixital inclusiva e de calidade no ámbito científico respondendo tamén á Recomendación (UE) 2018/790 da Comisión do 25 de abril de 2018 relativa ao impulso das competencias STE(A) M (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas) para o aproveitamento das súas potencialidades e a transferencia de coñecemento e fomentar unha cultura innovadora e de desenvolvemento sostible en toda a sociedade e a todos os niveis empezando pola idade escolar.