Os vindeiros 28 e 29 de novembro terá lugar o III Encontro RETINDE (Rede Transdisciplinar de Investigación Educativa) na cidade de Santiago de Compostela (Facultade de Ciencias da Educación, Campus Vida), continuando co traballo desenvolvido en Madrid e Barcelona. Nesta ocasión, o comité organizador está constituído por persoas de dúas das redes-membro: Rede Universitaria de Investigación e Innovación Educativa e Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social.
RETINDE é unha rede de asociacións, sociedades científicas e redes de grupos de investigación vinculados á investigación educativa. Algún dos seus principais obxectivos son: contribuír á mellora da investigación educativa e o seu impacto na sociedade, a práctica educativa e o coñecemento científico; favorecer a vinculación da investigación coa acción dos/as profesionais e a práctica educativa; así como converterse nun interlocutor recoñecido fronte ás administracións.
Este encontro pretende: promover un espazo de intercambio e foro de debate de ideas entre as persoas que conforman a Rede; axudar a profundar as sinerxias de colaboración vixentes para seguir desenvolvendo a Rede; así como identificar propostas de accións futuras da REDE. Como en ocasións anteriores, a participación será totalmente gratuíta e existirá a posibilidade de presentar comunicacións que se enmarquen nas seguintes liñas temáticas:
- Problemas, limitacións e avances na investigación educativa
- Aportacións das redes á investigación educativa
- O papel das redes de investigación nas políticas educativas
- A transdisciplina na investigación educativa
- Aportacións das diferentes áreas de coñecemento.
As achegas de cada participante servirán de base para debater, analizar e profundar sobre os desafíos, limitacións e posibilidades da investigación educativa neste momento histórico.
▶ Toda a información sobre o encontro está dispoñible nesta ligazón.
Tamén se pode solicitar máis información no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.