[Artigo de José Antonio Caride e Antón Costa Rico que abre o nº 27 da revista Sarmiento]
Profesora Dra. María Lucía Iglesias da Cunha
(Sao Paulo,1965 - Santiago de Compostela, 2023)
O 27 de novembro de 2023, ultimando a edición do número 27 de Sarmiento. Revista galego- portuguesa de Historia da Educación, tendo como tema monográfico as “historias da Educación Social no espazo iberoamericano”, coñecíamos o pasamento da profesora Lucía Iglesias da Cunha. A súa esperanzada e, ao tempo, persistente loita contra o cancro non conseguiu superar as adversidades da enfermidade, deixándonos orfos da súa pre- senza amable e amigable entre nós.
Sempre xenerosa, calma, autoesixente e rigorosa no seu labor científico, académico e profesional… sendo -en palabras grandes- unha universitaria exemplar, a súa partida prívanos dunha pedagoga virtuosa, comprometida cos valores cívicos e os dereitos hu- manos, o feminismo, o afrontamento da crise ambiental, ou a procura de máis e mellores alternativas para a construción da educación nas políticas locais. Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, na súa Facultade de Ciencias da Educación, perde unha voz cívica e pedagóxica admirada e admirable, desde fai décadas polo seu modo de estar e, moi especialmente, de ser como docente e investigadora, densa e intensamente dedica- da á formación dos estudantes, futuros profesionais da Educación Social e da Pedagoxía nos títulos de Grao e de Máster; tamén na dirección e titorización de traballos que se teñen proxectado en TFG, TFM e Teses de Doutoramento, xunto con outras responsabilidades contraídas no liderado de proxectos e contratos de investigación en convocatorias com- petitivas e mediante convenios de cooperación, fundamentalmente coas Administracións Públicas.
Merece salientarse a súa especial inquietude pola transferencia do coñecemento á sociedade, a dedicación á xestión académica e institucional, á iniciativa cívica-asociati- va... cunha capacidade de diálogo e consenso que non coñecía fronteiras nin na súa vida cotiá nin nos vínculos que foi establecendo con outras persoas e colectivos, en Galicia e alén das nosas fronteiras. A súa pertenza, desde 1999 ao grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea), sempre será un exemplo do que individual e colaborativamente significa sentirse partícipe dun quefacer común, mirando lonxe, abrindo os posibles da educación, a cultura, a política, a pedagoxía ás realidades locais e planetarias, coa tenacidade, coherencia e firme convicción que poñía en todo o que significaba ir das palabras aos feitos, dos proxectos á súa realización.
Retornando ao seu pasado sociobiográfico (ela que gustaba especialmente das súas metodoloxías), cabe dicir que unha vez realizados os seus estudos universitarios na Licen- ciatura de Ciencias da Educación na Universidade de Santiago de Compostela (1988), puido darlle continuidade no Doutoramento, contando cunha Bolsa de Formación do Profesorado Universitario (FPU), adscribindo a súa actividade docente-investigadora ao Departamento de Teoría e Historia da Educación e á Sección de Pedagoxía nos primeiros anos noventa do pasado século. Desde decembro de 2001 xa como Profesora Titular da Universidade no Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Peda- goxía Social.
Baixo a dirección do profesor Dr. José Antonio Caride realizou a súa Tese de Douto- ramento co título A educación ambiental na Administración Pública local: dez estudos de casos en Galicia (defendida en 1998), expoñente dunha inquietude intelectual que se pro- longaría ao longo dos anos, complementada polas que se irían sustentando e asentando arredor da indagación epistemolóxica e metodolóxica (nas que era un referente no coñe- cemento e aplicación dos métodos prospectivos, singularmente a técnica Delphi), as polí- ticas sociais e os servizos sociais nas comunidades locais, a educación social e o xénero (sendo co-directora, coa Prof. Dra. Elisa Jato Seijas do Máster Universitario de Axentes de Igualdade de Oportunidades: Xénero e Educación Social, da USC, entre 2000 e 2002). Con participación académica en congresos e reunións científicas de Educación Ambiental e de Pedagoxía-Educación Social, realizados en Europa, América, África e Oceanía. No seu exercicio docente estiveron presentes as materias de Educación Ambiental, Socioloxía da Educación, Pedagoxía Social, Antropoloxía da Educación e, máis recentemente, Historia da Educación, ás que se engaden as materias impartidas en Máster e Doutorado.
A profesora Lucía Iglesias participou intensamente na vida institucional da Universida- de, tanto no ámbito departamental, como na Facultade de Ciencias da Educación, da que foi a súa Secretaria entre 1997 e 2001; ademais de participar activamente en distintas Comisións, proxectos e iniciativas, con tarefas de coordinación, titorización ou avaliación. Na pasada década asumiu a dirección da Escola Infantil Breogán, sendo Reitor da USC o Prof. Dr. Juan Viaño. Alén da Facultade estivo ligada a procesos participativos relaciona- dos coa educación ambiental e as respostas educativas á emerxencia climática, sendo durante varios anos a presidenta da Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA).
Nas súas propias palabras, escritas na reseña biográfica coa que se identificou como persoal docente e investigador do grupo de investigación SEPA-interea, destacaría tres publicacións: unha derivada da súa tese doutoral na “colección Documentos para o Me- dio Ambiente e o Desenvolvemento” baixo o título “A Educación Ambiental nos concellos. A experiencia de Oleiros”, editada por este concello en 1999; outra vencellada ao Máster mencionado, sendo a coordinadora -xunto coa Prof. Jato- da edición do libro “Xénero e Educación Social”, publicado por Laiovento en 2003; e unha terceira ligada ao proxecto de investigación dirixido polo Prof. Dr. Pablo Meira co título “La respuesta de la sociedad española ante el cambio climático”, editado pola Fundación MAPFRE en 2013.
Máis recentemente (2022) chegou a bo porto, grazas a súa laboriosa e coidadosa coordinación, a obra colectiva “Metodologías de investigación cualitativa en Pedagogía Social y Educación Ambiental”, inicialmente editada por Octaedro en formato e-Book para, nas vindeiras semanas, concretarse tamén na súa publicación impresa. Neste mesmo ano, 2023, asumiu a coordinación da Exposición de materia histórico-educativa,“A Escola Nova… tamén entre nós (1921-2021)”, en colaboración co Prof. Antón Costa, presentada xunto co seu coidado catálogo no Pazo de Fonseca en Santiago.
Tivemos o privilexio de ser os seus profesores, compañeiros e amigos no seo do grupo de investigación SEPA-interea. Cando en 2024 celebraremos os 25 anos da súa constitución sentiremos especialmente a súa ausencia física, lembrando a ilusión e a ca- pacidade organizativa que xa comezara a mostrar arredor do que esta conmemoración quería/queremos que sexa. De aí que estas notas de vida, aínda que semellan falar do pasado sexan tamén un ollar ao futuro, no que nos guiará a súa calidade humana e os trazos visibles nas que se foi testemuñando: bonhomía, discreción, compromiso coa verdade, respecto e tolerancia, sentido de grupo, empatía, sensatez, tenrura, confianza... indisociables da súa mirada e sorriso amable, cordial e sincero. Perdurarán entre nós e con nós facéndonos mellores.
Lamentando o seu pasamento, nunca desexaríamos que este relato acompañase as historias da Educación Social do monográfico ao que abre as súas páxinas o anuario Sarmiento; sendo inevitable, agranda co seu nome, o que estas historias representan como testemuño dunha Educación Social á que se entregou en corpo e alma. Benquerida amiga, como acostumamos a dicirnos, que a última viaxe che sexa leve.