Reproducimos a información sobre a obra publicada no xornal El Progreso:
Dous chairegos, o xermadés Jesús Rodríguez, de Cabreiros, e a vilalbesa Yésica Teijeiro, de Árbol, publican un libro pioneiro e de referencia que recolle materiais e propostas didácticas para as aulas hospitalarias, uns espazos educativos "moi descoñecidos" pero "cun gran valor".
"Non había obras de referencia no contexto galego, nacional e internacional de propostas de traballo para o ámbito hospitalario e había unha demanda real", explican os autores, ambos profesores no departamento de Pegadoxía e Didáctica da USC, que ven este libro como "unha axuda para visibilizar a moitos profesionais na pedagoxía das aulas hospitalarias" pero tamén como "unha ferramenta" para axudar a profesores e ás familias.
"Oxalá tamén axude a visibilizar as propias aulas", din dous profesionais que levan anos adentrándose nunha realidade que afecta a moitos menores pero que poucas familias coñecen ata que non lles toca un ingreso nun hospital -en 2021 os premios EducaCompostela premiaron a súa iniciativa "A maleta de emerxencias pedagóxicas", un banco de recursos para aulas hospitalarias creado no marco dun proxecto de aprendizaxe e servizo (APS)-.
"Oxalá non tiveran que existir as aulas, como este libro, pero é unha realidade, unha realidade hiperdescoñecida e por desgraza non moi minoritaria", din, mentres poñen o seu traballo de trampolín para que as pezas encaixen o mellor posible.
"Non hai moita investigación neste ámbito e é verdade que é un libro único", apuntan, mentres recoñecen que ver todo o traballo recompilado é unha mostra de que "se avanzou moitísimo" e de que "se visibilizou moito", pero tamén de que "sempre queda moito por facer". "A pandemia e as restricións fixeron moito dano de cara a humanización dos espazos hospitalarios", aseguran, e defenden unha obra que recolle "unha gran diversidade de experiencias".
En Galicia hay sete aulas hospitalarias -Ferrol, A Coruña e Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo- e contan con profesorado funcionario en comisión de servizo. "Son mestres, pero non con praza fixa", explican. O perfil dos usuarios é moi diverso. "Son como unitarias, con alumnos de ata 16 anos", pero dende un menor que está hospitalizado por unha operación puntual a pacientes oncolóxicos con longos ingresos ou incluso en fase terminal.
"A aula é un espazo de atención educativa e tamén lúdica no que se axuda aos nenos ingresados que non poden ir ao colexio, pero cando superan os 15 días de hospitalización, por lei, ten que haber unha coordinación co centro do alumno. As aulas prestan o servizo pero en coordinación co titor ou profe do menor, que son os responsables. Por iso é moi importante que se coñezan dende os coles, porque un neno porque estea en situación de enfermidade non deixa de ser o teu alumno", explican, e van máis alá e falan da atención educativa domiciliaria, cando un menor está máis dun mes convaleciente na casa.