Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

No contexto da nosa exposición A ESCOLA NOVA… tamén entre nós (1921-2021), o Consello da Cultura Galega organiza a conferencia de Mª del Mar del Pozo Andrés titulada "Entre a memoria persoal dunha nena e a memoria pedagóxica dun país: Decroly en España (1907-1970)", e que terá lugar o 3 de outubro ás 18:00 horas no Salón de actos do Consello da Cultura Galega (2º andar do Pazo de Raxoi, na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela).


Mª del Mar del Pozo Andrés é licenciada (1981) e doutora (1996) en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidad Complutense de Madrid, con Premio Extraordinario Fin de Carreira e Premio Extraordinario de Doutoramento. Dende o ano 2011 é catedrática de Teoría e Historia da Educación na Universidad de Alcalá. Leva doce anos co-coordinando o Mestrado Interuniversitario en Memoria e Crítica da Educación, organizado pola UNED e a Universidad de Alcalá. Dende novembro de 2021 é directora do Museo de Educación Antonio Molero, situado na Facultade de Educación da Universidad de Alcalá.

Participou, como investigadora principal ou membro do equipo, en vinte proxectos de investigación nacionais ou internacionais de I+D e é autora dunhas duascentas publicacións (libros, capítulos e artigos). Foi membro do Executive Committee da International Standing Conference for the History of Education (ISCHE) (2006-2012), secretaria xeral da Sociedad Española de Pedagogía (2000-2006), secretaria da Sociedad Española de Historia de la Educación (2005-2013) e presidenta desta (dende 2021 até a actualidade). Dende 2014 é unha das editoras de Paedagogica Historica. International Journal of the History of Education.

Nos últimos anos implicouse en actividades de divulgación e transferencia do coñecemento histórico-educativo. Participou en varios documentais, como Ángel Llorca. El último ensayo (2011), cuxo guión está baseado nunha das súas publicacións; ou Las maestras de la República (2012), gañadora do Premio Goya 2013 ao mellor documental. En 2019 foi a comisaria e editora do catálogo da exposición Madrid, ciudad educadora. 1898/1938. Memoria de la escuela pública, organizada polo Concello de Madrid no Museo de Historia de Madrid. Nos anos 2019-2020 formou parte do comisariado da exposición Laboratorios de la nueva educación. En el centenario del Instituto-Escuela, organizada pola Fundación Francisco Giner de los Ríos e a Residencia de Estudiantes na sede da Institución Libre de Enseñanza, e é autora dun dos capítulos do catálogo. Dende 2009 colabora, como membro do Padroado da Fundación Ángel Llorca, na conservación e difusión do legado dos docentes que participaron nos movementos de renovación pedagóxica en diferentes momentos do século XX.


A exposición A ESCOLA NOVA… tamén entre nós (1921-2021), organizada polo Grupo de Investigación SEPA-interea da Facultade de Ciencias da Educación da USC, pemanecerá até o 27 de outubro no Claustro Alto do Colexio de Fonseca.