Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

No último boletín interno de Nova Escola Galega (nº 59-4) o noso compañeiro o Prof. Fran Candia escribiu un artigo sobre a homenaxe ao profesor , e tamén compañeiro do grupo SEPA-interea, Antón Costa Rico. A continuación deixámosvos como aperitivo un estrato do texto co desexo de que vos animedes a ler este novo boletín interno de NEG e á súa Revista Galega de Educación.

O 15 de outubro de 2022, poucos días despois do seu 70 aniversario, máis de cincuenta compañeiros e compañeiras do Prof. Dr. Antón Costa Rico tivemos a oportunidade de dármonos cita no complexo Ruta Jacobea (Lavacolla, Santiago de Compostela) para lle render unha merecida homenaxe a quen, como docente e investigador a través dunha longa e fecunda traxectoria científica e académica na Universidade de Santiago de Compostela, nos ten brindado o mellor de si mesmo, prolongando o seu labor na xestión, liderado e activa participación en distintas iniciativas de natureza pedagóxica, cultural e sociopolítica, na propia universidade e na sociedade.

Quizais para certos lectores/as desta publicación o noso benquerido Antón sexa sobre todo ese persoeiro que contribuíu a fundar en 1983 Nova Escola Galega (NEG), movemento de renovación pedagóxica do que foi presidente e segue a ser animador, ou o impulsor da Revista Galega de Educación. Pero en realidade a súa actividade vital soborda moi amplamente ese perfil: catedrático de Historia da Educación da USC, foi decano da Facultade de Ciencias da Educación e director do Instituto de Ciencias da Educación da mesma universidade, membro do Seminario de Estudos Galegos e do Consello Escolar de Galicia, presidente da Sociedad Española de Historia de la Educación (SEDHE), membro do consello editorial de distintas publicacións... pero por encima de todo, profesor, con toda a pegada cívica, pedagóxica e social que este vocábulo garda en termos de compromiso e responsabilidade cos procesos de cambio e transformación social.