Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

Dando continuidade a iniciativas previas, o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da Universidade de Santiago de Compostela, reunía aos seus integrantes no último dos seus foros de reflexión e debate, o pasado 3 de marzo de 2023.

Coa presenza de 24 dos 28 membros que conforman o persoal docente e investigador do grupo, desde o mais consolidado -mesmo con profesorado xubilado e visitante- ata o que ven de incorporarse a través de distintas figuras pre e pos-doutorais ou como bolseiras de colaboración, a reunión permitiu informar e valorar o estado de cuestión das distintas iniciativas que promove ou nas que participa científica e academicamente, poñendo unha especial énfase na planificación e desenvolvemento das accións programadas na estratexia de consolidación do grupo (2021-2024), na propia Universidade, con carácter interuniversitario, no traballo en rede e no quefacer de alcance nacional e internacional. No seu conxunto, tarefas que deben permitir a converxencia das responsabilidades que, nun plano individual e colectivo, dun xeito unipersoal e colexiado, nos cursos académicos 2023-2024 e 2024-2025.

Nun ambiente distendido e dialogal fixéronse propostas de mellora para a estrutura de comunicación e a sistematización do rexistro e difusión da información (interna-externa) e abordouse a necesidade de poñer en marcha máis accións de formación que conformen un plan de optimización nas competencias de xestión, divulgación e transferencia do coñecemento científico do grupo nas distintas liñas de investigación ás que se adscribe.