O 5 de xuño de 1972 deu inicio en Estocolmo a Conferencia de Nacións Unidas sobre Medio Ambiente Humano, que sentou as bases da moderna educación ambiental. Dous anos máis tarde a ONU estableceu que o 5 de xuño de cada ano se celebraría o Día Mundial do Medio Ambiente.
Facéndonos eco desa efeméride, o equipo de investigación SEPA da USC (Pedagoxía Social e Educación Ambiental) organiza na Facultade de Formación do Profesorado (Campus de Lugo) na tarde do vindeiro 2 de xuño dúas actividades directamente ligadas coa educación ambiental, aproveitando precisamente que nos achegamos ao medio século da Declaración de Estocolmo, e nun contexto moi preocupante polas consecuencias que está a producir no medio e na vida das persoas o binomio neoliberalismo-cambio climático (alimentación e saúde dos seres humanos, redución da biodiversidade, macroinstalacións contaminantes, migracións climáticas etc.).
Para axudarnos a reflexionar sobre estas cuestións, Edgar González-Gaudiano, experto internacional bo coñecedor da temática, ofreceranos unha conferencia desde Veracruz (México), seguida da estrea mundial dun documental que liga sabiduría popular galega-cambio climático-teatro, para a que contaremos coa presenza in situ da compañía de teatro Chévere.
A participación nos actos é gratuíta, pero hai que inscribirse previamente contactando con AQUÍ (para asistencia on-line) ou con Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. (para asistencia presencial).