Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

Garabulliño e a Escola Elástica 

Nova Escola Galega, 1992

 

Fronte á escola ríxida... non queda máis remedio ca reivindicar... a escola elástica 

Hai practicamente trinta anos publicábase unha peza singular para auscultar o proceso de  renovación pedagóxica na Galiza. Unha obra de arte que hoxe chega a nós dixitalizada, a modo de homenaxe e recoñecemento ao ourensán Luis Taboada, mestre republicano galeguista falecido no 2010 aos 92 anos de idade, que viviu o exilio interior do franquismo e que, na súa xubilación, manuscribiu con apreciábel esmero e sutileza todos os textos que dan vida á escola elástica do Garabulliño. 

Garabulliño e a escola elástica recolle as viñetas orixinais que o ilustrador e mestre Xoán Manuel Andrade tiña publicado no suplemento Na Escola, trasladadas semanalmente por Nova Escola Galega nos anos 80 ás páxinas dos diarios La Región e Atlántico, como tentativa de difundir sistematicamente na prensa diaria principios, recursos, medios e experiencias ligadas á renovación pedagóxica. O conxunto dos textos que conforman a obra −un para cada viñeta que se presenta−, coordinados por Xosé Manuel Cid, que impulsou a edición, articúlanse en catro seccións:  

I. Introdución, que abre co prólogo do pedagogo italiano Francesco Tonucci, quen converte ao inesgotábel Frato en padriño do noso Garabulliño, e pon de relevo o interese e necesidade do humor para analizar as realidades educativas da man de Xosé Manuel Cid e da inspectora Joaquina Gallego.  

II. Escola, historia e sociedade, onde se abordan as problemáticas educativas en Galiza, tamén desde unha perspectiva histórica, poñendo énfase na necesidade dunha escola para un país, onde Avelino Pousa abre coa defensa a prol da escola rural, á que dedicou unha vida; e constrúen aínda necesarias reflexións: Raúl González, mestre republicano represaliado, encol dun vello problema, ligado ao estado de conservación das escolas; X. Manuel Barreiro, sobre a necesidade do transporte escolar; María Saúde Iglesias, co soño dunha mestra arredor do interese da festa e o festexar na escola; Carmen Blanco, en relación á conmemoración das Letras Galegas; e o referente en lexicografía Isaac Alonso Estraviz co Um povo, um idioma. Continúan, trazando un percorrido entre o pasado e o futuro da escola, Narciso de Gabriel sobre Educación e Revolución francesa; seguen ás reflexións ligadas á ciencia e á conciencia de Herminio Barreiro o texto doutro mestre republicano represaliado Armando Fernández Mazas arredor da escola e o traballo; e, aínda, completan o conxunto as achegas de Uxío Otero, sobre a “limpeza das aulas” de tantas violencias silenciosas que adoitan enchelas; o texto de Xesús R. Jares, en relación á escola e a paz; a pregunta que abre Agustín Requejo co ...ou será isto un castigo?; a nota Ciencia, técnica e medio ambiente de Antón Rozas; Castigos de Cesecé; e a oda pola educación non sexista escrita por Mariló Candedo. 

III. A renovación da práctica escolar, onde se analizan aspectos didácticos e metodolóxicos ligados á renovación educativa desde diversos ámbitos (novos enfoques e ámbitos curriculares, recursos e técnicas, innovacións na aula e na organización escolar) por parte de Fina Mosquera, X. A. Fontelo, Mercedes Suárez Pazos, Pedro Membiela, Olga Araujo, Agustín Fernández Paz, Xesús Jares, Emilia Nogueiras, María Xosé Mosquera, Mercedes Durany, o Grupo de educación e tempo libre e Cecilia Bello. 

IV. O profesorado e a renovación pedagóxica, que traza bosquexos arredor do profesorado como foco das críticas –e tamén dalgún recoñecemento– por parte de Garabulliño, sempre coa pretensión de soñar coa mellor pedagoxía, tal como pon de relevo Xosé Manuel Cid, acompañado dos textos de Carme Pereira, Antón Costa, Xoán M. Andrade, Eduardo G. Fuentes, Mercedes González. 

Todo un auténtico mosaico de reflexións e inquedanzas unido polo Garabulliño que, acollendo unha ampla gama cromática, desprende e suscita creatividade. O Garabulliño, fillo de meiga, que ve no momento de impresión da obra como a súa irmá Pelouriña entra na escola, critica con agudeza e retranca unha escola inmóbil, contribuíndo a visibilizar violencias e dando voz ás crianzas galegas que xa co mesmo Castelao deixaran aberto o interrogante “por que o mestre non fala coma nós?”.

No exemplar, accesíbel en: http://www.neg.gal/almacen/documentos/Garabulliño.pdf, asinan nomes de grandes referentes da renovación que hoxe, desgraciadamente, xa non están entre nós, e doutras/os que prenden día a día o facho do cambio educativo no horizonte, acompañándonos nesta andaina cara unha educación pública, galega, renovada e verdadeiramente democrática para o país de mañá, onde todo está por vir e non chega.