Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

O vindeiro martes 7 de maio celebaránse as I Xornadas sobre Conflitos Ambientais en Galicia, de 16h a 21h, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias de Educación (Módulo C, Campus Vida), organizadas polo alumnado de Educación Ambiental e Cultura de Sustentabilidade dos Graos en Educación Social e Pedagoxía, co apoio do grupo SEPA-Interea.

Os Conflitos Ambientais son elementos de gran relevancia á hora de entender como se materializa nun territorio concreto a crise socioambiental global na que estamos inmersas/os na actualidade, ao tempo que permiten comprender ás lóxicas de depredación dos recursos nas que se basea o modelo de desenvolvemento hexemónico e a distribución ecolóxicamente desigual de impactos e ganancias.

Emprendementos extractivos, produtivos, enerxéticos, de instalación de infraestruturas, xestión de resíduos, etc., que provocan graves impactos ambientais, socioculturais, económicos, paisaxísticos ou sobre a calidade de vida das persoas e as comunidades, son contestados pola cidadanía e outros axentes sociais baixo múltiples formas de organización e seguindo unha ampla gama de vías de acción. Por iso, para practicar a Educación Ambiental nun territorio, resulta necesario coñecer e comprender ditos conflitos, así como situarse e saber interactuar con eles.

Neste sentido, o vindeiro martes 7 de maio de 2019 celebraranse as I Xornadas sobre Conflitos Ambientais en Galicia na Facultade de Ciencias da Educación USC da Universidade de Santiago de Compostela (Salón de Actos, Módulo C, Campus Vida), organizadas polo alumnado de Educación Ambiental e Cultura da Sustentabilidade dos Graos en Educación Social e Pedagoxía da USC, co apoio do Grupo de Investigación SEPA-interea.

Nestas xornadas, que terán lugar en horario de tarde (de 16h a 21h) e que serán de acceso aberto ao público en xeral, presentaranse, baixo distintos formatos, traballos de aproximación e análise sobre distintos #ConflitosAmbientais de gran relevancia en Galicia a día de hoxe.

O programa inclúe mesas de exposición e diálogo -coa participación de persoas implicadas nos propios conflitos- e exposición interactiva de pósteres, a cargo respectivamente do alumnado dos graos en Educación Social e Pedagoxía. Así mesmo, como colofón, contaremos coa participación de Xose Anton Bocixa Rei, para proxectar e conversar sobre a reportaxe documental recentemente estreada "Redes contra a política do espolio. Aire, agua e terras limpas", no que se recollen conflitos abertos nas comarcas de Santiago, Arzúa, Ordes e O Sar #redescontraoespolio

Agardámosvos!

Máis información actualizada en https://www.facebook.com/ConflitosAmbientais e I Xornadas sobre Conflitos Ambientais en Galicia

PROGRAMA COMPLETO:

16h.- Apertura



16.15h.- Mesa 1 de presentación de conflitos (a cargo do alumnado do Grao en Educación Social)


            · O Vertedoiro de Casalonga

                    Coa participación de Uxía Lemus -Concelleira de Urbanismo, Concello de Teo-

            
            · A Fraga de Catasós

                    Coa participación de Celso Fernández e Marlene Pérez -Plataforma Salvemos Catasós-


17.30h.- Mesa 2 de presentación de conflitos (a cargo do alumnado do Grao en Educación Social)


            · Mina de Touro-O Pino
                
                    Coa participación de Paula García e Lorena Lama -Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non-


            · Macrogranxas da Limia

                    Coa participación de Sergio Sánchez -Plataforma Auga Limpa Xa-


18.45h.- Exposición de pósteres sobre conflitos ambientais en Galicia (Hall do Módulo C) (a cargo do alumado do Grao en Pedagoxía)


19.30h.- Proxeción da reportaxe documental "Redes contra a política do espolio. Aire, agua e terras limpas" e conversa co seu director, Xosé Antón Bocixa Rei.