Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

Chega a “maleta de emerxencias pedagóxicas” á Aula Hospitalaria do CHUF deseñada por alumnado de Pedagoxía da USC.

A maleta de emerxencias pedagóxicas chega á aula hospitalaria do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, co que se establece un acordo de colaboración dende a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dunha iniciativa nova, única en Galicia, na que o alumnado de 4º de Pedagoxía desenvolven distintos materiais, xogos e actividades, especialmente pensados e estudados para os pacientes pediátricos da aula hospitalaria a través de un programa de Aprendizaxe e Servizo da universidade compostelana.

O pasado luns 14 de xaneiro, os profesores da USC, Yésica Teijeiro Boó, Jesús Rodríguez Rodríguez e Antía Cores Torres, presentaban os diversos proxectos que integran esta peculiar maleta xunto con 35 alumnos implicados, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide. Os alumnos e alumnas traballaron nas materias de Pedagoxía Hospitalaria e Deseño e Avaliación de materiais didácticos. As actuacións con estes novos materias realizaranse ó longo deste curso 2018-2019.

Fases e materias do proxecto

Nunha primeira fase deste proxecto, a mestra da aula hospitalaria, Pilar Porta, e os mestres da USC traballaron xuntos co alumnado durante o pasado mes de outubro. Pilar Porta amosoulles a realidade, peculiaridades e as necesidades funcionais da aula hospitalaria. Nunha segunda fase, houbo un traballo co alumnado da materia de Pedagoxía Hospitalaria e da materia de Deseño de materiais. Así, durante o primeiro cuadrimestre do curso escolar establecéronse un total de 8 proxectos, en lingua galega para nenos de entre 3 e 14 anos, e categorizáronse en grupos de traballo con finalidades pedagóxicas diferenciadas. En novembro, este alumnado e os mestres da USC probaron na aula hospitalaria, nunha terceira fase, as ferramentas que compoñen a Maleta de Emerxencias Pedagóxicas. O luns 14 de xaneiro, fíxose entrega do material cunha presentación do propio alumnado da facultade de cada un dos materiais que conterá a maleta nun acto que tivo lugar no Hospital Arquitecto Marcide.

Estes traballos enfocáronse en temáticas como a música; as emocións, a identificación e control das mesmas; o hospital e os distintos espazos e profesionais; e o contexto, a contorna ferrolá. Os materiais, entre os que se atopan A árbore dos soños, o Memo-Hospi, O dado dasemocións, Os teus dereitos peza a peza, Eu son igual ca ti, Quen é quen en Ferrolterra, Adiviña o que ves, e Afrontando os nosos medos son os 8 proxectos que quedan a disposición dos pacientes pediátricos hospitalizados no Complexo.

Obxectivo: todos aprendemos

Os obxectivos deste proxecto, indican os mestres, é “dar unha resposta educativa, equitativa e de calidade ás necesidades dunha escola hospitalaria”; “fomentar os procesos de comunicación, e participación interdisciplinares”; “introducir a aprendizaxe de competencias dentro dun enfoque útil para os menores hospitalizados”; e “ofertar ós usuarios das escolas hospitalarias ferramentas pedagóxicas axustadas ás necesidades”.

Un dos mestres destacaba que é unha “oportunidade única de que os alumnos participen en todo o proceso de creación, deseño, proposta, proba e revisión dun material non comercializado”. Outro dos retos explican “é a coordinación entre dúas materias diferentes da facultade cun fin común”. Prodúcese, engaden, un enriquecemento enorme e conflúen os materiais novos, coa música e a lingüística, ademais da importancia de traballar coas emocións ou con cuestións de xénero”. Aglutínanse elementos moi importantes e “todos e todas aprendemos moito con este proxecto, alumnado e mestres”. Destacaron no acto a implicación do alumnado da USC en todo o proceso e na adaptación, dende o punto de vista pedagóxico, a características técnicas concretas, como por exemplo, os materias e ás necesidades particulares de menores hospitalizados na aula hospitalaria “Prioriño”. A mestra da mesma e promotora do proxecto, Pilar Porta, incidiu na importancia deste tipo de proxectos para que “o neno coñeza os seus dereitos e recoñeza os seus medos”.