IV Xornadas "Desconfinando a Terra de Miranda"
O próximo 30 e 31 de outubro, Nova Escola Galega organiza as IV Xornadas "Desconfinando a Terra de Miranda". A convocatoria dos Encontros por cuarto ano consecutivo constitúe, globalmente, unha proposta para a análise da situación do medio rural galego na actualidade. Esta análise realízase, por unha parte, desde a óptica especialmente educativa, pero tendo en conta que o que sucede no ámbito da educación non é nada máis que o reflexo dunha realidade global moito máis complexa. Por outra, exemplifícase esta análise nunha comarca ben definida -aínda que non recoñecida administrativamente- que ten sufrido nas últimas décadas unha transformación evidente e que, ao tempo dun progresivo e evidente despoboamento, foi quen de ir vendo nacer no seu seo iniciativas que provocan que non sexa utópico enxergar no horizonte un futuro posible. Esa comarca é a Terra de Miranda.