Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

Todas as educacións son sociais, ao igual que acontece coas políticas, as economías ou as ciencias. Debe lembrarse cando o «social» adxectiva expresións que están lonxe de acomodarse aos seus mais prezados significados, apropiándose das palabras nun proceso de colonización silente, en extremo eficiente, que deturpa todo o que toca, material e simbolicamente. Nada hai de inxenuo no que os tecedores das «redes» tecnolóxicas ocultan cando as reconverten en «sociais», atrapándonos no seu interior apelando á liberdade ou a comunicación sen barreiras, alentadas polos mercados dos valores bolsistas en detrimento dos que invocan os quefaceres cívicos e convivenciais. Como xa advertía tempo atrás Peter Berger, no seu libro Pirámides de sacrificio arredor da ética política e o cambio social, as palabras dos poderosos pesan mais que as dos débiles, que acaban describíndose a si mesmos coas acuñadas por aqueles: a medida que foron acrecentando o seu poderío militar, económico e político sobre o mundo, (im)puxeron os seus nomes aos demais, nunha especie de «bautismo negativo».

 Sabemos disto na educación cando algúns dos seus teóricos aceptan, sen reparos, as inconsistentes propostas do Banco Mundial, da OCDE ou da Unesco ao tipificala como «formal», «non formal» e «informal», baleirando de sentido a súa verdadeira razón de ser nas escolas, as familias e as sociedades. Xa é paradoxal que a pesar das persistentes informalidades —entre outras, as do fracaso escolar— que aniñan na mal chamada «educación formal», hai quen continúa empeñándose en argüír sobre as educacións que deixan de selo. A pedagoxía tamén se escribe con liñas tortas.

Non son cuestións menores cando os profesionais da «educación social» reivindican a súa entidade e identidade nas rúas, diante do Parlamento de Galicia e nas instancias administrativas da Dirección Xeral de Función Pública para que os responsables políticos cumpran o prometido: adaptar as cualificacións académicas ás categorías laborais ou combater o intrusismo, como sucede noutras comunidades autónomas e países da nosa contorna. Facelo pola dignidade, non só dos educadores e das educadoras sociais que se titulan nas universidades galegas, senón tamén dunha cidadanía que ten dereito a unha educación de calidade, equitativa e inclusiva, fornecedora de aprendizaxes ao longo de toda a vida (ODS4).

Aludimos a unha misión que as escolas, os servizos sociais, os centros cívicos e culturais, os concellos, etcétera, deben asumir con todas as súas consecuencias prácticas, en congruencia coa complexidade das realidades cotiáns e a necesidade de repensar a educación como un ben común mundial, demandando un novo contrato social: unha educación que require desenvolverse non só na e para a sociedade senón con ela, axudando a construír un futuro pacífico, xusto e sostible para todas as persoas, especialmente das que son vítimas da pobreza, a marxinación, a exclusión e a vulnerabilidade social.

Procuralo obriga a afastarse dos corporativismos que minoran os saberes compartidos, o traballo en equipo, os plans e programas da atención integral..., acrecentando a estima polas profesións que agrandan —educativa, cultural e socialmente— a condición humana. Un labor no que non sobra ninguén e nos precisamos todos.

José Antonio Caride

Publicado en La Voz de Galicia o 29 de novembro de 2024

O compañeiro Xabier Riádigos Couso e a compañeira Aida Lorenzo Campos participaron no II Congreso Internacional de Estudos da Infancia coa comunicación "CON_LecerTeo: lectura cualitativa dun proxecto de investigación-acción coas infancias". O congreso desenvólveuse na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela os días 6,7 e 8 de novembro.

Pódese acceder a mais información sobre o evento a través desta ligazón.

Este Mércores 6 de novembro ás 16:30h na Aula 3 da Faculta de de Ciencias da Educación (Campus Norte) teremos unha conferencia co título "As Escolas do Insiño Galego: centenario da primeira incorporación do galego ao ensino (1923-2023)", na que intervirá Santiago Quiroga, Coodenador Nacional das Escolas de Ensino Galego Semente. A seguir presentarase o documentario "Aprender na língua própria: das Escolas de Ensino Galego à Semente".

 

Aprende técnicas tradicionais e modernas para conservar alimentos de forma eficiente e sostible. Descubre como prolongar a vida útil dos alimentos e reducir o desperdicio na cociña. Desde a fermentación e encurtidos ata a elaboración de marmeladas e confituras, este obradoiro axudarache a facer mellor uso dos teus recursos alimentarios, aforrando diñeiro e coidando o medio ambiente.

Previa inscrición en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

 

O I Congreso Internacional de Lectura e Escritura (COILES 2025) pretende ser un amplo espazo de encontro académico e profesional en torno ao mundo da lectura e a escritura en todos os ámbitos posíbeis. O lema do congreso –O desenvolvemento multidisciplinar de habilidades lectoras e escritoras– reflicte o interese deste evento por expandir as miras máis aló do contexto do ensino ou o estudo da lingua e a literatura para abordar a lectura e a escritura desde múltiples enfoques, materias e especialidades, de forma transversal, multidisciplinar, innovadora e inclusiva.

Os vindeiros 28 e 29 de novembro terá lugar o III Encontro RETINDE (Rede Transdisciplinar de Investigación Educativa) na cidade de Santiago de Compostela (Facultade de Ciencias da Educación, Campus Vida), continuando co traballo desenvolvido en Madrid e Barcelona. Nesta ocasión, o comité organizador está constituído por persoas de dúas das redes-membro: Rede Universitaria de Investigación e Innovación Educativa e Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social.