
O noso compañeiro Marcos Carrizo participará como finalista no Certame Internacional 3MT, na área de Ciencias Sociais e Xurídicas
Esta quinta edición do Three Minute Thesis (3MT®), é un certame internacional de comunicación para investigadores e investigadoras de todas as áreas do coñecemento, convocado pola USC a través da súa Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS).
Iniciado pola Universidade de Queensland en 2008, 3MT cultiva as habilidades de comunicación académica, de presentación e de investigación dos estudantes. O concurso apoia a capacidade das persoas doutorandas para explicar eficazmente a súa investigación en tres minutos, nunha linguaxe adecuada para un público non especializado.
Esta competición reta a consolidar as súas hipóteses, obxectivos e ideas así como a validez e importancia dos resultados da súa investigación, e a presentalos de xeito claro e conciso, empregando unicamente os recursos propios da oratoria e da retórica, esenciais para as súas futuras carreiras profesionais. O escaso tempo que teñen obrígaos a preparar discursos claros e efectivos, que transmitan en poucas palabras a importancia do tema de investigación de xeito sinxelo e comprensible para os non expertos.
A Gran Final terá lugar o mércores 3 de xuño ás 19:00 no establecemento Riquela (Rúa do Preguntoiro, 35). A entrada será libre e poderán asistir todas aquelas persoas que o desexen.






