O 21 de xullo defendeuse na Facultade de Ciencias da Educación a tese de Mario Outeiro Iglesias, membro do grupo SEPA-interea, que leva por título “O aproveitamento dos recursos do medio natural no ensino secundario: unha ferramenta contra o despoboamento e para lograr a equidade entre o alumnado rural e o urbano”. A tese, dirixida polo profesor Felipe Trillo, realizouse no marco do programa de doutoramento en Equidade e Innovación en Educación e tivo como membros do tribunal a Jesús Rodríguez Rodríguez (USC), Roser Boix Tomàs (Universidat de Barcelona) e Mónica Porto Currás (Universidad de Murcia).
Esta tese de doutoramento sitúase no ámbito do ensino secundario e aspiraba, entre outros, a incorporar contidos culturais relevantes para a formación da cidadanía (especialmente a urbana) no relativo ao aproveitamento dos recursos do medio natural dun xeito sostíbel, así como a construír un currículo que contara con referencias próximas e motivadoras para o alumnado rural. A finalidade desta tese era que o alumnado, independentemente de onde viva, poida desenvolver, nun futuro, a súa vida en calquera punto do territorio galego, tanto a nivel laboral como persoal, favorecendo a equidade. Deste xeito, o ensino pode converterse nunha ferramenta que axude a reverter o despoboamento; fenómeno demográfico que afecta a catro quintas partes de Galiza, consideradas como rural.
Empregando a técnica Delphi, a investigación indicou as competencias que se deben de traballar en secundaria (coñecemento da contorna, educación ambiental, agronomía, gandaría, industria alimentaria, aproveitamento do monte, lecer e oficios artesanais, etc.), que as competencias máis básicas deben estar incluídas nas materias existentes e traballadas mediante proxectos interdisciplinarios mentres que as máis específicas deben de abordarse en materias obrigatorias e optativas e que as metodoloxías activas son máis axeitadas para traballalas nas aulas. Asemade, a investigación amosou as vantaxes de introducir as competencias, os nomes que se poden empregar, os cursos da ESO e bacharelato máis adecuados, o seu peso horario, a formación do profesorado requirida e algún aspecto relacionado coa avaliación. Por último, tamén se recompilaron experiencias salientábeis que se desenvolveron (ou que aínda están en funcionamento) co fin de traballar as competencias formativas sinaladas e que poden ser referentes de cara ao futuro.
Pódese acceder a máis información sobre a tese nos seguintes enlaces:








