Cursos e Seminarios

Tras a primeira semana despois da celebración das I Xornadas sobre Conflitos Ambientais no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Vida), organizadas polo alumnado da materia de Educación Ambiental e Cultura da Sustentabilidade dos Graos en Pedagoxía e Educación Social, coa colaboración do SEPA-interea, ofrecemos aquí un pequeno resumo do que nos brindou esa tarde de encontro, de convivio, de visibilización de realidades, de intercambio de experiencias e de recoñecemento do exercicio dunha cidadanía activa e comprometida co territorio que habita e defende ante emprendementos que ameazan tanto o patrimonio natural e cultural como a calidade de vida da veciñanza.

Así, ás 16h do pasado martes 7 de maio, dábase inicio a estas I Xornadas sobre Conflitos Ambientais en Galicia, cunha sesión de apertura que contou coas intervencións de Pablo Ángel Meira Cartea, coordinador da materia Educación Ambiental e Cultura da Sustentabilidade, José Antonio Caride Gómez, director do Grupo de Investigación SEPA-interea, Silvia Campos López, alumna da devandita materia no Grao en Educación Social, e Kylyan Marc Bisquert i Pérez, bolseiro e profesor en formación desta materia.

 

Acto seguido, deu comezo a primeira das mesas de presentación de conflitos, que correron a cargo do alumnado do Grao en Educación Social, o cal analizou cada un destes conflitos como traballos de grupo dentro da materia na que se enmarcan estas xornadas. Nesta primeira mesa, participaron tamén como convidadas en calidade de expertas sobre cada un dos conflitos traballados por parte de cada grupo de alumnas/os, Uxía Lemus -Concelleira de Urbanismo do Concellod e Teo- e Jaime e José Antonio -Plataforma Casalonga Limpa de Resíduos-, no caso do conflito co Vertedoiro de Casalonga (Teo); e de Celso Fernández e Marlene Pérez -Plataforma Salvemos Catasós-, no caso do conflito da Fraga de Catasós.

 

A continuación, tivo lugar a segunda mesa de presentación de conflitos, que baixo o mesmo formato, contou coa participación de de Sergio Sánchez e Alba Pazos -Plataforma Auga Limpa Xa-, que viñeron a presentar os graves impactos das macrogranxas e os resíduos xerados pola gandería intensiva na comarca da Limia; e de Paula García e José "Navarro" -Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non-, no caso do conflito da Mina de Touro-O Pino.

 

Ao fin de cada mesa, houbo un pequeno espazo para a participación do público asistente a través de micro aberto, e mesmo na intervención da Plataforma veciñal Mina de Touro O Pino Non se presentou o libro A mina contamina, que será publicado en breves polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade.

 

Tras a finalización da segunda mesa, as/os participantes das xornadas trasladáronse ao Hall do Módulo C da Faculta de Ciencias da Educación (Campus Vida) para a exposición de pósteres sobre conflitos ambientais en Galicia, elaborados polo alumnado do Grao en Pedagoxía en base aos seus traballos en grupo dentro da devandita materia.

 

Como broche final destas I Xornadas sobre Conflitos Ambientais en Galicia, proxectouse a reportaxe documental Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terras limpas, tras a súa presentación por parte do seu director, Xosé Antón Bocixa Rei.

 

En resumo, ao longo da xornada tivemos a oportunidade de achegarnos baixo distintos formatos a unha chea de conflitos ambientais abertos ao longo de todo o terriotorio galego e o privilexio de contar con voces que nos falaron deles dende a experiencia de vivelos en primeira persoa, dando voz e visibilidade á cidadanía mobilizada en defensa do territorio e da calidade de vida, salientando conceptos como conflitos preventivos vs. reactivos, territorios de sacrificio, xustiza ambiental e mesmo destacando a estreita relación existente entre a crise ambiental global e as súas concrecións locais, o cal implica a necesidade de tecer redes de solidariedade, colaboración e apoio mutuo entre os distintos axentes sociais.

Agardamos que esta sexa só a primeira doutras novas edicións a celebrar nos vindeiros cursos, mantendo o compromiso da Educación Ambiental coa cidadanía e o territorio que habita. Grazas a todas/os por participar!