PRESENTACIÓN
O cambio climático (CC) é o gran reto do século XXI. Para eludir os peores escenarios que prognostica a ciencia é preciso adoptar cambios profundos nas nosas sociedades. Urxe tomar conciencia da vulnerabilidade humana diante desta ameaza, así como aceptar a maior responsabilidade das sociedades que más teñen contribuído ás emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), que contrasta coa menor capacidade das sociedades infra-desenvolvidas para responder aos efectos dun clima fora de control.
A resposta efectiva á alteración antrópica do clima é, ademais, urxente. As alarmas prendidas pola comunidade científica advirten que temos escaso tempo para reaccionar. En poucos años haberá que emprender unha gran transformación social, económica e enerxética para evitar o colapso da civilización tal e como a coñecemos.
Nesta encrucillada sorprende a lentitude coa que avanzan as políticas climáticas. O CC ocupa un lugar marxinal na area pública e dista moito de ser un tema prioritario para os tomadores de decisións ou para a poboación en xeral. O CC valórase como unha ameaza difusa, aprazada no tempo e afastada no espazo. O obxectivo fundamental dos programas educativos e de comunicación na próxima década debe ser converter o CC nun problema relevante e significativo.